HISTORIA DA PATACA

A pataca é orixinaria dos Andes chileno-peruanos (América) e chegou a España en 1560, pero empregábase como pranta decorativa, non comestible. Coñecida como ‘raíz do diaño’, tivo que gañarse a confianza dos europeos para formar parte da nosa gastronomía.

Nos séculos XVI e XVII xurdiu un debate en Europa sobre o seu consumo: uns defendían as súas propiedades medicinais, pero outros acusábana de causar doenzas. Por todo iso, a pataca estivo apartada das mesas, ata que unha serie de pragas asolaron os castiñeiros no século XVIII e convertéronse no único xeito de evitar a fame.

A pataca é o cuarto cultivo
alimentario mundial polas súas
cualidades gastronómicas

En Galicia, cultivábase xa no ano 1607, pero a súa expansión chegou a mediados do século XVIII como consecuencia da crisis dos cereais de 1768-69. Así, desde finais do século XVIII o cultivo de patacas, tanto en secaño como en regadío, é un dos rasgos máis destacados da paisaxe agraria galega.

O seu consumo medrou rapidamente, e no século XIX comezáronse a estudar todas as variedades deste tubérculo. En 1860, Louis de Vilmorin, un prestixioso químico, botánico e xenetista francés, elaborou unha obra na que catalogou 177 variedades. A partires do século XX, unha ampla selección de moitas delas deu excelentes resultados, o que, unido aos novos métodos de cultivo e ás tecnoloxías nos procesos de produción, mellorou os rendementos e tamén as súas cualidades. Na actualidade, a pataca é unha das grandes raíñas da gastronomía.

Wordpress themes JazzSurf